Sunday 28 de April de 2024

Conta atrás para a apertura da nova Lonxa


As previsións apuntan a finais deste mes ou principios de xullo

O salón de plenos do Consistorio Local foi escenario hoxe dunha sesión extraordinaria do Consello Sectorial de Pesca de Riveira co fin informar do sistema de xestión e explotación da nova lonxa e das actualizacións realizadas ata o momento, segundo solicitude do seu concesionario, UTE Lonja de Riveira, a través do seu representante Fernando Carreira.

A cita contou tamén coa presenza do director de Portos de Galicia, José Ignacio Villar, quen dou conta de todo o procedemento administrativo conducente á adxudicación da nova xestión, dende que se sacou a concurso por primeira vez e quedou deserto ata a autorización temporal á citada UTE. Explicou que o plego de licitación garda as características que son usuais no resto de explotacións de lonxas dependentes de Portos, se ben coa singularidade de que ao ser por tres anos certos servizos como a limpeza ou a seguridade son prestados directamente por Portos en tanto non se saque a concurso a concesión definitiva.

Dez días de limpeza
Noutra orde de cousas, o director de Portos referiu que xa se están ultimando diversos traballos como a informatización, provisión de auga salgada, pantaláns, etc. en tanto que os locais están postos a disposición dos usuarios dende fai meses. Agárdase que na última quincena de xuño se proceda á limpeza da lonxa (unha tarefa que levará uns dez días), co cal o arranque da nova xestión poderá ter lugar a finais deste mes ou a principios do seguinte.

En canto á UTE Lonja de Riveira, resaltouse dende esta entidade que os servizos que van ofrecer serán maiores que os que viña prestando o Concello ao cubrir todo o proceso dende que un barco entra en porto ata que sae, incluíndo subministro de xeo, limpeza de caixas, etc… Ademais, advertiu que a previsión de custes obrigan á aplicación dunha taxa que como máximo será do 3%, polo que se garante que o prezo que deberán sufragar os armadores será igual ou menor á que actualmente teñen pola prestación destes servizos.

Informouse de que xa se alcanzaron acordos coa confraría de pescadores de Riveira e outros axentes e de que seguen abertos a falar e negociar para que todos os operadores do porto poidan continuar. A este respecto, parte dos asistentes alertaron dos perigos que se poderían derivar para o porto e para Riveira no caso de que se produza unha división entre os mesmos.

“Un só tren”
Por último, o alcalde Manuel Ruiz avogou pola importancia de ir todos xuntos: «máis que un “choque de trenes” como alguén dixo, o que temos é un só tren e hai que facer todo o posible para que todos entremos nel para que, unha vez se saque a concesión definitiva, poidamos aumentar incluso o número de vagóns”, afirmou.

O rexedor reiterou o seu compromiso de seguir participando en todas as ocasións que sexa necesario para o bo termo das negociacións.